Que é o Trivial da Terra?

O Trivial da Terra é unha aplicación educativa para teléfonos móbiles e tabletas co sistema operativo Android. O Trivial da Terra está baseado no Trivial Pursuit pero levado á realidade galega: o seu contido (o conxunto de preguntas e respostas) está recollido nos campos temáticos arte, historia, cultura e sociedade, medio e personaxes célebres.

Que relación ten o web Trivial da Terra coa aplicación Trivial da Terra?

O web Trivial da Terra (www.trivialdaterra.com) e a app Trivial da Terra aparentemente son dúas cousas cousas independentes, pero son complementarias, xa que forman parte do mesmo proxecto. O web  www.trivialdaterra.com é a plataforma para obter as preguntas e respostas que logo pasarán a formar parte da aplicación.

Como podo colaborar?

Podese colaborar no proxecto de varias maneiras, unha é con apoio económico (ao que responderemos a seguir), comentando e agregándose nas redes sociais ou  introducindo preguntas e respostas a través dos formularios habilitados neste sitio web (un para cada comarca). Esta última é a maneira máis activa de colaborar. O lóxico é que cada persoa, asociación, colexio, etc. propoña preguntas e respostas do seu concello ou incluso da súa comarca, porque se presupón que é da que ten máis coñecemento, pero nada impide que se poidan propor preguntas e respostas de concellos e comarcas de toda Galicia.

A maneira de “subir” preguntas e respostas  ao web é a seguinte: imaxinemos que queremos facer unha achega de arte do concello de Pontedeume, pois entón en primeiro lugar teremos que premer na pestana A Coruña (provincia á que pertence este concello), alí atoparemos as 18 comarcas que forman parte desta provincia. Localizamos a comarca do Eume, prememos en “ir ao panel da comarca”. Se somos usuarios rexistrados introduciremos o noso nome de usuario e o contrasinal. Se non somos usuarios rexistrados teremos que rexistrarnos no sistema e seguir as indicacións. Unha vez que esteamos rexistrados imos á comarca na que nos interesa colaborar e premeremos en “participa nesta comarca” (isto faremolo para cada comarca á que  queiramos facer achegas), aceptamos e xa podemos colaborar nesa comarca. Logo podemos premer no boton verde na parte superior dereita onde pon “pregunta” ou na terceira pestana debaixo do nome da comarca onde pon “preguntas”. Faremos entón a nosa proposta (unha pregunta, unha resposta correcta e dúas incorrectas). Dado que o que queremos é “subir” unha pregunta sobre arte do concello de Pontedeume, no apartado “campos” sinalaremos “arte” e o apartado concellos sinalaremos “Pontedeume” (tras filtrar por provincia e por comarca). Prememos en enviar pregunta e esta coas súas correpondentes respostas pasará á fase de avaliación.

Se queremos darnos de baixa como colaboradores desa comarca teremos que premer en “cancelar inscrición”.

Cando se considera que unha asociación, entidade, instución, organismo, etc é colaborador do proxecto?

Unha asociación, entidade, institución, organismo, etc considérase que é colaborador ou colaboradora  cando fai máis de cen achegas.

Que vantaxes obtén unha asociación, entidade, instución, organismo, etc por ser colaborador ou colaboradora  do proxecto?

Unha asociación, entidade, institución, organismo ten dereito a que o seu logo ou marca identificativa apareza no sitio web xunto coa ligazón ao seu sitio web se o tivese.

Hai un límite de preguntas e respostas propostas?

Non, non hai límite. Pódense propor as preguntas e as respostas que un usuario rexistrado queira, o que non quere dicir que todas as que propón formen parte do paquete de preguntas contidas na aplicación.

Téñome que rexistrar no sitio web para poder colaborar?

Si, pero a primeira vez que un usuario ou unha usuaria se rexistra xa forma parte do sistema; non é necesario que se rexistre unha vez por cada comarca (supoñendo que queira facer achegas a máis dunha) aínda que si é necesario unirse ao grupo de colaboradores desa comarca (os pasos para facelo están indicados máis arriba).

Que se fai coas preguntas que non son seleccionadas?

Cando unha pregunta non é seleccionada para formar parte da app é por varios motivos: porque non cumpre os requisitos de veracidade, porque ofende a persoas, institucións, partidos políticos, etc. ou porque xa está duplicada. Ademais reservámonos os dereitos de modificar as preguntas e as respostas para adaptalas ao conxunto (extensión, estilo, etc.)

En que idioma teño que facer as miñas propostas?

Gustaríanos que as achegas fosen feitas, sempre que sexa posible, en lingua galega e que ademais do contido se  coidase a linguaxe e máis a redacción. En todo caso cada pregunta e as súas correspondentes respostas, se for preciso, serán correxidas para adaptalas á normativa galega.

Como se controla a veracidade das preguntas?

Cando un usuario ou unha usuaria envía unha pregunta ten que indicar a fonte ou as fontes de onde sacou esa información para poder facer un control en caso de achegas que resulten dubidosas.

Como se financia o Trivial da Terra?

Este proxecto consta de dúas fases, na primeira fase faise a recollida do material que formará o contidos do Trivial de cada comarca. Unha vez que teñamos este material, que o filtremos e  que o pasemos á aplicación procuraremos que os concellos e outros organismos e institucións contribúan economicamente para facer que a aplicación sexa unha realidade. As empresas privadas tamén poden contribuír economicamente. Se alguen desexa obter máis información deberá escribir a info@trivialdaterra.com

Págase por facer  propostas de preguntas e respostas?

Non, as preguntas e respostas propostas son voluntarias, ninguén está obrigado ou obrigada a facelas.

Podo acceder ao conxunto de preguntas e respostas propostas?

Non, nin saberá se a súa proposta foi selecccionada para formar parte do paquete de preguntas da app. Aínda que no web aparecerá o seu nome xunto co campo e o concello no que contribuíu (sempre que achega sexa aprobada polo xestor do proxecto). Unha vez rexistrada a pregunta coas súas correspondentes respostas estan pasan a ser propiedade de Trivial da Terra que poderá descartalas ou usalas, modificadas ou non, para formar parte dunha aplicación 

Que premios obteñen os colaboradores e colaboradoras no proxecto?

Podemos dividir en dous os tipos os agasallos ofrecidos : o mellor colaborador ou colaboradora  de cada ano, sempre que supere as 500 achegas, obterá un telefono móbil Primux Zeta 2 ou un de características similares; quen redacte a pregunta número 5000, 10000, 15000, 20000, 25000 e  así sucesivamente terá dereito a una cea para dúas  persoas nun recoñecido restaurante galego.  Das novas promocións iremos informando neste sitio web.

As preguntas que non se escollen para formar parte da app contabilizan tamén á hora de obter o premio de mellor colaborador ou mellor colaboradora?

Si, ao usuario ou á usuaria contabilizaránselle todas as achegas feitas, sempre e cando sexan aprobadas polo xestor do proxecto, cheguen ou non a formar parte da app. As achegas non aprobadas polo xestor do proxecto non se consideran válidas para estes efectos.

Cal é o obxectivo final deste proxecto?

O obxectivo desta app é conseguir que a cidadanía galega e especialmente estudantado coñeza a realidade na que vive e que acade este coñecemento dunha maneira divertida.

Pódese xogar a través do sitio web?

Non, o web é unha plataforma para obter o contido da app (paquete de preguntas e respostas) e mais para estar informado de todo o que está ocorrendo no proxecto ( a través da novas xerais e das novas de cada comarca).

Como podo descargar a app no meu teléfono ou a miña tableta?

Para descargar a app nun móbil ou nunha tableta con sistema operativo Android deberá ir á icona da tenda de Google Play do seu aparello e alí localizar o trivial da comarca na que queira xogar, descargalo e instalalo. Outra maneira é ir ao panel de cada comarca é ali haberá unha ligazón ao Trivial desa comarca. Podes instalalo dende ali a través do wifi no seu aparello móbil.

Teño que descargar unha aplicación Trivial da Terra para cada comarca?

Si, temos previsto que haxa unha app do Trivial da Terra por cada comarca e polo tanto se un usuario ou usuaria quere xogar no Trivial de varias comarcas terá que descargar app de cada unha delas. Destas novas aplicacións que van saíndo iremos informando neste sitio web.

Haberá unha versión para outros sistemas operativos?

Actualmente a inmensa maioría dos telefonos intelixentes e das tabletas funcionan co sistema operativo Android. Non temos previsto adaptar a aplicación a outros sistemas operativos.