O Trivial da Terra é unha app para teléfonos móbiles e tabletas co sistema operativo Android. Está baseado no Trivial Pursuit pero levado á realidade galega: o seu contido (o conxunto de preguntas e respostas) está recollido nos campos temáticos arte, historia, cultura e sociedade, medio e personaxes célebres. Para obter estas preguntas e respostas servímonos dos formularios habilitados neste sitio web. Os usuarios, unha vez rexistrados, poden facer a súa achega que logo será avaliada para pasar a formar parte do contido da aplicación.
As adaptacións do Trivial a cada comarca faranse cando se acaden grupos de 1000 preguntas e respostas; coas 1000 primeiras achegas crearase unha aplicación a cuxo contido se lle engadirá un novo conxunto de 1000 preguntas e respostas e así sucesivamente. En canto se chegue nunha comarca ao conxunto de 1000 preguntas e se cree a aplicación para ese territorio comezará a fase de concurso. Neste participarán os centros de ensino de primaria e de secundaria da comarca e organizarase cun sistema de eliminatorias: xogaranse as partidas simultaneamente nos centros de ensino e logo haberá unha semifinal e unha final na que participarán os equipos que pasaron as eliminatorias (un por cada concello da comarca) . Esta final do concurso terá lugar no concello cabeceira de comarca e a data será o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Para o equipo gañador haberá un premio e agasallos para os membros dos equipos que chegaron á fase final.

Esperamos que lle pareza interesante este proxecto que contribúe a que coñezamos mellor a cultura e o patrimonio que nos rodea e que colabore a través dos formularios.
Xesús Freire.