Xesús Freire, o creador da app Trivial da Terra, comeza a traballar na estrutura e nas preguntas que confeccionarán o Trivial da Comarca de Sarria.

Este Trivial da Comarca de Sarria estará formado por un conxunto de preguntas e respostas das localidades de O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria e Triacastela. Trátase dunha aplicación, como acontece co resto das apps que forman este proxecto, para a que será necesario ter instalado o sistema operativo Android para poder utilizala. Baseado no Trivial Pursuit pero orientado á realidade galega, os que a descarguen nos seus terminais poderán coñecer máis sobre arte, historia, cultura, sociedade,  medio e personaxes célebres da Comarca de Sarria.

COLABORACIÓN

A aplicación Trivial da Terra pon a disposición dos veciños e veciñas da Comarca así como tamén de calquer persoa que queira participar unha páxina web www.trivialdaterra.com, na que se poden facer achegas (pregunta proposta e respostas- unha correcta e dúas incorrectas), que posteriormente pasarán a formar parte da aplicación definitiva.

TRIVIAL DA COMARCA DA TERRA CHÁ

A aplicación do Trivial da Terra Chá atópase en fase final, tal e como explica Xesús Freire, creador da app “quedan sobre trinta preguntas para poder completar o trivial que agardo rematar nos vindeiros días cando me reúna con membros do Instituto de Estudos Chairegos, nesta xuntanza recopilarei os datos necesarios para finalizar a versión da Terra Chá”.

Xesús Freire cumpre así co compromiso que adquiriu hai uns meses coa Deputación de Lugo de facilitarlle á institución provincial dúas aplicacións móbiles que profundicen na historia e nos costumes das xentes da Comarca da Terra Chá e Sarria.