O creador do Trivial da Terra, Xesús Freire percorreu hai uns días os institutos Lois Peña Novo e Santiago Basanta Silva así como tamén visitou os Ceips Insua Bermúdez e Mato Vizoso e achegouse ata os Ceips Rurais de Lanzós e Román, ámbalas dúas parroquias de Vilalba.

O obxetivo destas visitas era presentar a o Trivial da Terra Chá nos diferentes centros educativos para coñecer a visión que o profesorado ten sobre esta iniciativa.

Tal e como explica Xesús Freire “ a idea é que dende os colexios e institutos da Comarca coñezan a o Trivial da Terra xa que queremos poñer en marcha en 2017 un concurso no que participen todos estes centros educativos”.

CONCURSO DO TRIVIAL

O creador do Trivial da Terra pretende que os diferentes institutos e colexios coñezan en profundidade a aplicación do Trivial da Terra Chá para que confirmen a súa adhesión ao concurso do trivial. Esta iniciativa poñerase en marcha no próximo ano 2017 tendo o seu punto de partida o 10 de xaneiro. O remate está previsto a mediados de abril nos centros educativos participantes. A gran final terá lugar o día das letras galegas, o 17 de maio, na praza do Concello de Vilalba. Entre todos os colexios e institutos participantes terán que pelexar por obter o número de puntos máximo para poder estar presente na fase final.

MÁIS VISITAS EN SETEMBRO

Por outra banda, e tal e como se establece nas previsións a curto prazo de Xesús Freire, a Comarca de Sarria tamén poderá participar neste concurso. “Será no vindeiro mes de setembro cando reanude as visitas aos centros educativos, visitarei os institutos e colexios de Sarria e outros concellos que aínda teño pendente de visitar da Comarca da Terra Chá”.