O Trivial da Terra Chá xa conta cunha base de datos na que se gardan as 695 preguntas que están totalmente preparadas para poder trasladalas á súa aplicación móbil.

Xesús Freire, creador do Trivial da Terra Chá, explica que “só faltan 105 preguntas por realizar para que o Trivial da Terra Chá sexa unha realidade”. Por esta razón, o responsable da posta en marcha desta iniciativa achegouse ata a Biblioteca Provincial de Lugo e ao Arquivo Histórico da cidade das murallas co obxetivo de “buscar toda a información que precisamos para ofrecervos o xogo que todos e todas vos merecedes”.

Na folla de ruta de Xesús Freire atópase realizar varias visitas a Xermade, Guitiriz, Vilalba e A Pastoriza para rematar de obter diferente información que complete as 105 preguntas do Trivial da Terra Chá. Freire apunta que hai concellos que xa teñen as súas preguntas completas como son Guitiriz ou Muras.

VERSIÓN ESCOLAR

O Trivial da Terra Chá terá unha versión escolar adaptada ao alumnado de 5º e 6º de primaria, que estará composta polo vinte por cento das preguntas que forman a versión xeral deste trivial pero con pequenas modificacións nos contidos que faciliten o xogo aos máis pequenos.